Monday 29 de April de 2024

Malpica inicia os obradoiros de memoria e arranxos florais destinados a persoas maiores e con diversidade funcional


As sesións impartiranse tanto nas instalacións do Centro Cívico como nas da Casa do Oleiro de Buño.

O Concello de Malpica comezou a impartir este luns os obradoiros de memoria e arranxos florais destinados a persoas maiores e con diversidade funcional.

Os talleres realizaranse tanto nas instalacións do Centro Cívico municipal como nas da Casa do Oleiro de Buño. En canto ao obradoiro de memoria, trátanse de sesións dunha hora que se desenvolven os luns de 10:00 a 11:00 horas en Buño e os mércores de 10:30 a 11:30 en Malpica.

No caso da formación en arranxos florais, estes impártanse en dous grupos reducidos en clases de dúas horas. Serán os luns ata o 28 de xuño en Buño de 16:00 a 18:00 horas no primeiro grupo e de 18:00 a 20:00 horas no segundo. O Centro Cívico acollerá a segunda quenda da semana todos os mércores ata o 30 de xuño mantendo o mesmo esquema horario.

Logo desta primeira xornada, as persoas asistentes mostráronse satisfeitas e con ganas de acudir á segunda cita. O obxectivo destas actividades é promover a saúde mental e física destes colectivos logo dun período marcado pola ausencia de contacto social e as consecuencias da covid-19.

O concelleiro de Benestar, Sergio García, manifestou a súa satisfacción “co éxito da iniciativa, que completou todas as prazas dispoñibles ás poucas horas de abrirse a convocatoria”. Neste sentido, asegurou que “o goberno local seguirá apostando por organizar actividades que potencien o benestar de toda a veciñanza”.